Sinopsis
Tres mozos entran a unha parroquia de Guitiriz que descoñecen co encargo de realizar un documental sobre ela. Entón:
1) Preguntan aos veciños tentando comprender a identidade do lugar seguindo unha cita de Charles Seignobos que leron na universidade: “Lamento non ter podido tratar máis que dunha maneira moi incompleta os feitos da vida cotiá, alimentación, vestido, habitación, usos de familia, dereito privado, diversións, relacións de sociedade, que constituíron o principal interese da vida para a enorme maioría de individuos”.
2) Tentan vincular o que aprenden á súa propia identidade e ás súas propias experiencias, sendo da primeira xeración das súas familias que non naceu na aldea. E cuestionan o resultado: non queren dar outra visión nostálxica do rural pero non teñen claro se o conseguen.
3) Pasean por leiras e casas abandonadas, xogan, distráense mirando os animais e desvíanse das súas propias intencións como se estiveran facendo un vídeo doméstico.