Sinopsis
Khalil (palestino) traballa de albanel na construción de colonias en zona militar israelí para o que obtén un salvoconduto diario que lle permite cruzar a fronteira (checkpoint) nos horarios que determina o exército. Na parte israelí onde traballa ten unha noiva xudía, Ofra; ela é estudante na Universidade e vive co seu pai viúvo (Raziel) que é un importante rabino xudeu ortodoxo, e coa súa irmá Adifa que é capitana do exército israelí destinada ao mando do checkpoint polo que cruza regularmente Khalil. A irmá xemelga de Khalil, embarazada, ponse de parto e este vese na necesidade de tentar cruzar o paso fronteirizo para poder levala ao hospital, pero os militares, con Adifa ao mando, vanllo impedir e a irmá morre.
Esta traxedia desencadea unha serie de feitos que levarán a todos os personaxes ao extremo de tomar unha decisión cuxas consecuencias pasarán non só pola separación definitiva, senón tamén pola obrigación de posicionarse no extremo máis radical que a súa contorna lles esixe. Ante isto a forza do amor e a vida tratarán de abrirse camiño aínda que o destino fatal vai aparecer como un lugar case irremediable.